Thursday 19 de September de 2024

Xunta e TSXG analizan a posta en marcha de novas infraestuturas xudiciais


Reuniuse a Comisión Mixta Xunta-TSXG na que se tratou o próximo traslado ás novas dependencias xudiciais na cidade das Burgas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, presidiron a reunión da Comisión Mixta Xunta -TSXG, na que, entre outros asuntos, trataron a posta en marcha inminente do novo edificio xudicial de Ourense e outras infraestruturas xudiciais.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que, tal e como se tiña comprometido o Goberno galego, a posta en marcha destas novas dependencias xudiciais levarase a cabo nas vindeiras semanas e destacou o importante esforzo orzamentario que está levando a cabo o goberno cas infraestruturas xudiciais.

Alfonso Rueda quixo destacar a boa relación a boa saúde deste tipo de comisións entre a Xunta e a Administración de Xustiza, que permiten reforzar a cooperación entre ambas e ofrecer unha xustiza mellora dotada e máis eficaz, o que redunda nun mellor servizo aos cidadáns.

Tratase dun investimento histórico na Xustiza de Galicia, con case 17 millóns de euros que van permitir concentrar as dotacións xudiciais da cidade, con máis de 14.000 metros cadrados e capacidade para albergar 24 xulgados e 15 salas de vistas, facendo que Ourense conte cunha Cidade da Xustiza moderna, funcional e á cabeza de toda Galicia e mesmo España.

A obra enmárcanse no Plan de Infraestruturas Xudiciais da Xunta, un ambicioso plan para dotar á xustiza das infraestruturas que precisaba e que as cidades galegas conten con edificios modernos e amplos, rematen cos problemas actuais de espazo e polo tanto faciliten o traballo aos funcionarios e melloren o servizo que reciben os cidadáns.

Precisamente o Plan de Infraestruturas Xudiciais foi un dos asuntos principais que se trataron na Comisión Mixta de Xustiza, que tamén tratou o estado das obras dos xulgados de Viveiro, que se prevé que estean rematadas o próximo mes e que contan cun investimento de 250.000 euros destinado á substitución da totalidade da carpintería de aluminio do edificio, a impermeabilización da fachada traseira, a carpintería da Sala de Vistas e melloras no sistema de calefacción e na pintura das escaleiras.

Ademais, na reunión da Comisión Mixta tratouse tamén o remate das obras do novo edificio do Servizo Común de Notificacións e Embargos de Vigo, que conta con máis de 700 metros cadrados divididos en tres plantas e un local anexo, e que contribuirá a paliar a falta de espazo nas sedes xudiciais viguesas.

Con este fin, a Xunta de Galicia e o Consorcio do Casco Vello de Vigo, asinaron un convenio de colaboración para encomendarlle a Sociedade Pública de Investimentos a adquisición dun solar na rúa San Sebastián número 13 e un local na rúa Abeleira Menéndez número 24 da cidade de Vigo coa finalidade de edificar neles a nova sede. O importe preciso para esta adquisición foi de 580.000 euros, que sumados a estes 900.000 euros fan un investimento total de máis de 1,5 millóns de euros para este cometido.

Outro dos puntos destacados da orde do día foi o balance do funcionamento dos xulgados de preferentes da Coruña e Vigo, nos que dos 4.015 procedementos rexistrados xa están resoltos 3.381, ben por sentenza ou por acordo.

Sede electrónica xudicial
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, avanzou que se aprobou o plan de traballo para a posta en marcha da sede electrónica xudicial. Algunhas das funcionalidades previstas nunha primeira fase será a presentación escritos de tramite sobre procesos monitorios iniciados na sede, coa posibilidade de achegar a documentación que se considere. Así mesmo, o cidadán ou o seu representante poderán consultar o estado dos expedientes nos que participa como parte, as presentacións telemáticas realizadas desde a sede, os borradores de escritos que cumprimente e garde previamente e os sinalamentos nos que figure como interveniente

Pereira fixo balance das últimas actuacións do Plan Senda como a posta en marcha da presentación telemática de escritos a finais de de 2014 nas provincias de Pontevedra e A Coruña, que ata o pasado 2 de febreiro rexistrou preto de 5.000 demandas online.

A entrada en funcionamento do portasinaturas dixital foi outro dos últimos fitos do Plan Senda. No último trimestre de 2014 asináronse máis de 150 documentos a través desta plataforma, que permite asinar individual ou masivamente documentos de xeito electrónico e seguro.

Destacou tamén a previsión de que, a finais de marzo, o sistema de gravación de vistas con sinatura dixital eFidelius estea implantado en 94 salas. Cómpre destacar que o número total de vistas gravadas con este sistema desde a súa implantación ata o 31 de decembro, foi de 26.558.